De cando en vez achegan nos pezas que máis que unha lámpada semellan un xoguete. Esta peza dos anos sesenta ou setenta que ben pode ser unha lámpada de mesiña de noite ou de escritório, evidentemente enfocada no seu momento a unha clientela xuvenil, ten un mecanismo extensor no seu interior, que permite abrir a lámpada ou pechala totalmente, regulando deste xeito a intensidade da luz que sae dela. Cando está pechada, non deixa de ser unha caixa de metal na que gardamos os raios de luz ainda que poida lembrar unha caixa de lamberetadas.
Cando a atoparon no faiado, deteriorada polo paso do tempo, decidiron recuperala e disfrutar dela novamente, foi cando nola trueron. Ó ser unha lámpada fabricada en chapa de ferro, a maior parte do seu deterioro, viña da ferruxe que danou a pintura e os cromados das pezas interiores. Por sorte a corrosión ainda non fixera moitos estragos, asi que con unha limpeza ben a fondo, para eliminar totalmente a oxidación da superficie, procedimos o seu repintado e ó cromado das pezas que o precisaban. O proceso de pintado segue os seguintes pasos. Unha vez ben limpa a superficie de restos de ferruxe, aplicámoslle unha imprimación epoxi, que protexe da oxidación e favorece o agarre das posteriores capas de pintura. logo aplicamos unha capa de aparello que unha vez lixado, serve para deixala superficie ben lisa e sen as típicas marcas da ferruxe. Xa para rematar aplicamos dúas mans de pintura bicomponente mate e finalmente dúas mans de barniz, para conseguir un efecto vidriado na superficie, o cal lle aporta un brillo superior á peza. Xa recuperamolo aspecto orixinal da lámpada, pero aínda temos que poñer en condicións a parte eléctrica da mesma. Neste caso, hai que sustituir o cable e tamén o portalámpadas, xa que os que tiña estaban deteriorados. Pola contra, o interruptor de botón, puidemolo reutilizar logo dunha limpeza e revisión para asegurarnos do seu correcto funcionamento. Agora si, podemos dicir que o choio está rematado e a lámpada está en condicións de continuar coa súa función outros cincuenta anos cando menos.
Non sendo unha restauración complexa, haina que facer con agarimo e bo critério para que o resultado sexa satisfactorio e así poidamos convencer a quén o vexa, de que recuperar pezas que poidan parcere vellas ou deterioradas paga a pena, non só polo valor económico ou polo seu valor sentimental, seno máis ainda, porque supón un xesto de compromiso coa sustentabilidade. Reperar e reutilizar é unha das mellores maneiras de protexer os recursos e evitar aumentala pegada que xera a fabricación desmedida na natureza.


Ainda que a primeira vista poida parecer unha peza menor, sen dúbida é unha icona do deseño daqueles anos, nos que as cores alegres e as formas sinxelas eran unhas das súas características.


