luns, 9 de novembro de 2026

Focos Industriais Recuperados.

 Grazas á forte presenza do estilo "Industrial" coma tendencia decorativa, hai un elemento que temos recuperado en numerosas ocasións. Estou falando do Foco Industrial, esas luminarias utilizadas nas dependencias industriais, e que pouco a pouco foron sendo relegados por outras opcións máis eficientes. 












A nosa intervención nestes focos, consiste en dúas cuestións principais. A primeira, é un cambio de aspecto, lacamos o difusor en branco, o exterior na cor que solicite a clientela e pulimos o disipador de aluminio así coma as fixacións da tapa de protección. A segunda intervención, se cadra é a máis importante, xa que substituímos a fonte de luz de haloxenuros orixinal, por unha fonte de luz LED de 30W conseguindo un aforro duns 370W. 


De non ser por este tipo de intervencións, estas pezas estarían descartadas do mercado e condenadas a súa reciclaxe no mellor dos casos, e coma sempre digo, a mellor opción é reparar, restaurar e reutilizar.


Por certo, estes focos podedes atopalos na páxina de Outlet, xa que dispomos dunha partida deles a disposición de quen precise.


domingo, 8 de novembro de 2026

Restauración de obxectos metálicos.

 Dende sempre, os metais foron moi valorados tanto en xoiaría coma na fabricación de obxectos decorativos. A maioría das pezas que chegan ó noso obradoiro, son pezas de latón, aínda que tamén as hai de cobre, metal branco ou incluso prata. 




Entre estas pezas, podemos atopar as que son simplemente decorativas, coma o barco das imaxes, e as que ademais teñen unha parte funcional. Como poden ser paraugueiros, bandexas, floreiros, caixas de todo tipo,...





En xeral, cando recibimos estas pezas veñen coa superficie deteriorada, distintos graos de oxidación, algúns golpes ou aboladuras e as veces, coma pasou con o barco das imaxes, que lle faltan partes do conxunto. De feito, quen trouxo a peza a restaurar, pediunos que lle completaramos as partes desaparecidas segundo o noso criterio. Neste caso ó ter que fabricar pezas novas, os procesos de restauración incluíron o repuxado de chapa a máis do pulido e vernizado. 

mércores, 4 de novembro de 2026

Restaurando Lámpadas FASE




As lámpadas FASE son sen dúbida unha icona do deseño español dos anos sesenta e setenta. Se escribimos a marca Fase nun buscador da internet, poderemos ver que seguen moi vivas, existen establecementos dedicados case que en exclusiva á súa compra e venda, as webs de segunda man ofrecen gran cantidade de modelos e son moitas as persoas do mundo do deseño ou da decoración, que nun ou outro momento teñen se referido a estas lámpadas.

                                                                                                                                                                  
A boa calidade destas lámpadas, fai que os danos que adoitan presentar sexan os normais despois de corenta anos; deterioro dos cromados, golpes, rozaduras na pintura e rotura docristal dos difusores. Son pezas coas que é un pracer traballar e a súa restauración é moi agradecida, xa que recuperan todo o seu esplendor.                      Na maioría das restauracions de lámpadas FASE que fixemos, os traballos centrabanse na recuperación dos cromados así coma a
reparación de boios e danos na pintura. 



Nalgunhas ocasións, foi preciso fabricar aros centradores para os difusores de vidro ou repoñer e axustar algunha bola nos mecanismos de rotación das bases xiratorias.
                                                                                                                                                                   



luns, 2 de novembro de 2026

Restauración dun candeeiro de latón dunha catedral.

 

Esta restauración que vou comentar, comezou coma unha aventura. Leváronme a explorar o sobrado dunha das catedrais que temos en Galicia, o meu anfitrión, sabía que por ali había pezas moi interesantes pero que no seu momento polo motivo que fora, foron retiradas do servizo, ben por algunha rotura ou polo deterior dos acabados. E tiña razón, había unhas cuantas pezas por ali, e agora si que estaban nunhas condicións de deterioro moi salientables. 
O Anfitrión colleu un candeeiro e preguntoume si sería posibel restaura lo. 

O certo é que a peza coma podedes ver na imaxe, semellaba máis rescatada dun naufráxio que do fallado dunha igrexa, pero cando che gosta restaurar pezas antigas é impoíbel dicir que non. O meu maior medo, era si conseguiria devolver lle ó latón a sua cor sen que se notasen as pegadas da corrosión. En moitos casos, cando a corrosión é notábel, por moito que se limpe a superfície do metal, ben con procesos químicos ou con abrasivos, non somos quen de eliminar unhas marquiñas de cor rosado, resultado da reacción do cobre da aleación do latón. Unha vez expostas as posíbeis dúvidas do resultado final, evidentemente decidimos que cando menos haberia que tentar de face lo. 

Xa no noso obradoiro, procedemos ó des montaxe e limpeza. É neste proceso cando imos descobrindo se faltan pezas ou se hai algunha rota. Nesta ocasión faltaba un porta velas e houbo que soldar algún dos brazos que estaban rotos. Unha vez replicado o portavelas para completar o candeeiro e soldadas as pezas rotas, levouse a cabo a recuperación do acabado suprficial, que pasou por riba das miñas dúvidas inicias e non deu problema algún, conseguindo devolver lle lo seu aspecto orixinal ó candeeiro. Unha vez máis, unha peza desbotada volve a lucir coma se fose nova e volve a ser de utilidade. Recuperación, reparación e restauración, ou dito doutro xeito, economía circular.

martes, 27 de outubro de 2026

Restaurando unha lámpada moi divertida.

De cando en vez achegan nos pezas que máis que unha lámpada semellan un xoguete. Esta peza dos anos sesenta ou setenta que ben pode ser unha lámpada de mesiña de noite ou de escritório, evidentemente enfocada no seu momento a unha clientela xuvenil, ten un mecanismo extensor no seu interior, que permite abrir a lámpada ou pechala totalmente, regulando deste xeito a intensidade da luz que sae dela. Cando está pechada, non deixa de ser unha caixa de metal na que gardamos os raios de luz ainda que poida lembrar unha caixa de lamberetadas.
Cando a atoparon no faiado, deteriorada polo paso do tempo, decidiron recuperala e disfrutar dela novamente, foi cando nola trueron. Ó ser unha lámpada fabricada en chapa de ferro, a maior parte do seu deterioro, viña da ferruxe que danou a pintura e os cromados das pezas interiores. Por sorte a corrosión ainda non fixera moitos estragos,  asi que con unha limpeza ben a fondo, para eliminar totalmente a oxidación da superficie, procedimos o seu repintado e ó cromado das pezas que o precisaban. O proceso de pintado segue os seguintes pasos. Unha vez ben limpa a superficie de restos de ferruxe, aplicámoslle unha imprimación epoxi, que protexe da oxidación e favorece o agarre das posteriores capas de pintura. logo aplicamos unha capa de aparello que unha vez lixado,  serve para deixala superficie ben lisa e sen as típicas marcas da ferruxe. Xa para rematar aplicamos dúas mans de pintura bicomponente mate e finalmente dúas mans de verniz, para conseguir un efecto vidriado na superficie, o cal lle aporta un brillo superior á peza. 
Xa recuperamolo aspecto orixinal da lámpada, pero aínda temos que poñer en condicións a parte eléctrica da mesma. Neste caso, hai que substituir o cable e tamén o portalámpadas, xa que os que tiña estaban deteriorados. Pola contra, o interruptor de botón, puidemolo reutilizar logo dunha limpeza e revisión para asegurarnos do seu correcto funcionamento. Agora si, podemos dicir que o choio está rematado e a lámpada está en condicións de continuar coa súa función outros cincuenta anos cando menos.
Non sendo unha restauración complexa, haina que facer con agarimo e bo critério para que o resultado sexa satisfactorio e así poidamos convencer a quén o vexa, de que recuperar pezas que poidan parcere vellas ou deterioradas paga a pena, non só polo valor económico ou polo seu valor sentimental, seno máis ainda, porque supón un xesto de compromiso coa sustentabilidade. Reperar e reutilizar é unha das mellores maneiras de protexer os recursos e evitar aumentala pegada que xera a fabricación desmedida na natureza.








Ainda que a primeira vista poida parecer unha peza menor, sen dúbida é unha icona do deseño daqueles anos, nos que as cores alegres e as formas sinxelas eran unhas das súas características. 
Grazas ó bo criterio da súa dona, esta curiosa lámpada que podería ter rematado no lixo, vai ter unha segunda oportunidade para seguir iluminando as súas vidas.




  

                 

mércores, 21 de outubro de 2026

Quen somos e qué facemos.

Somos un obradoiro artesán, adicamonos á metalistería, pero cando nos preguntan a qué nos adicamos, gústanos dicir que a solucionar problemas. O certo é que lago:monroy ten varias facetas, unha é o deseño e fabricación de pezas propias ou de terceiros e outra desas facetas é a restauración, e de esta é da que imos falar neste blogg. 

En lago:monroy levamos restaurando lámpadas e outros obxectos metálicos  dende 1995.
 A nosa especialidade son as lámpadas, temos restaurado lámpadas de prata con douscentos anos de antigüidade e lámpadas de deseño contemporáneo, lámpadas de igrexas de 2,5 metros de diámetro e lámpadas de sobremesa que case caben nun peto, lámpadas de carburo ou lámpadas con tecnoloxía LED.
Podemos dicir que polas nosas mans pasaron case que todo tipo de lámpadas. A pesares de seren metalistas, o feito de especializarnos na restauración de lámpadas, obrigounos a traballar con outros materiais coma o vidro, a cerámica, madeira, téxtil, metacrilato, etc...Pero como xa dixemos anteriormente, da restauración de lámpadas tamén pasamos a restauración de outros obxectos metálicos, coma son diversas pezas decorativas de latón ou metal branco, paraugueiros de latón, pomos , tiradores de portas, pezas de liturxia como incensarios, navetas, cruces, sagrarios, etc.. , e incluso mobiliario coma estanterias e mesas de latón. Nas vindeiras publicacións imos tentar afondar nalgunhas desas restauracións para achegarvos curiosidades, solucións e procesos das mesmas.