luns, 9 de novembro de 2026

Focos Industriais Recuperados.

 Grazas á forte presenza do estilo "Industrial" coma tendencia decorativa, hai un elemento que temos recuperado en numerosas ocasións. Estou falando do Foco Industrial, esas luminarias utilizadas nas dependencias industriais, e que pouco a pouco foron sendo relegados por outras opcións máis eficientes. 












A nosa intervención nestes focos, consiste en dúas cuestións principais. A primeira, é un cambio de aspecto, lacamos o difusor en branco, o exterior na cor que solicite a clientela e pulimos o disipador de aluminio así coma as fixacións da tapa de protección. A segunda intervención, se cadra é a máis importante, xa que substituímos a fonte de luz de haloxenuros orixinal, por unha fonte de luz LED de 30W conseguindo un aforro duns 370W. 


De non ser por este tipo de intervencións, estas pezas estarían descartadas do mercado e condenadas a súa reciclaxe no mellor dos casos, e coma sempre digo, a mellor opción é reparar, restaurar e reutilizar.


Por certo, estes focos podedes atopalos na páxina de Outlet, xa que dispomos dunha partida deles a disposición de quen precise.


domingo, 8 de novembro de 2026

Restauración de obxectos metálicos.

 Dende sempre, os metais foron moi valorados tanto en xoiaría coma na fabricación de obxectos decorativos. A maioría das pezas que chegan ó noso obradoiro, son pezas de latón, aínda que tamén as hai de cobre, metal branco ou incluso prata. 




Entre estas pezas, podemos atopar as que son simplemente decorativas, coma o barco das imaxes, e as que ademais teñen unha parte funcional. Como poden ser paraugueiros, bandexas, floreiros, caixas de todo tipo,...





En xeral, cando recibimos estas pezas veñen coa superficie deteriorada, distintos graos de oxidación, algúns golpes ou aboladuras e as veces, coma pasou con o barco das imaxes, que lle faltan partes do conxunto. De feito, quen trouxo a peza a restaurar, pediunos que lle completaramos as partes desaparecidas segundo o noso criterio. Neste caso ó ter que fabricar pezas novas, os procesos de restauración incluíron o repuxado de chapa a máis do pulido e vernizado. 

mércores, 4 de novembro de 2026

Restaurando Lámpadas FASE




As lámpadas FASE son sen dúbida unha icona do deseño español dos anos sesenta e setenta. Se escribimos a marca Fase nun buscador da internet, poderemos ver que seguen moi vivas, existen establecementos dedicados case que en exclusiva á súa compra e venda, as webs de segunda man ofrecen gran cantidade de modelos e son moitas as persoas do mundo do deseño ou da decoración, que nun ou outro momento teñen se referido a estas lámpadas.

                                                                                                                                                                  
A boa calidade destas lámpadas, fai que os danos que adoitan presentar sexan os normais despois de corenta anos; deterioro dos cromados, golpes, rozaduras na pintura e rotura docristal dos difusores. Son pezas coas que é un pracer traballar e a súa restauración é moi agradecida, xa que recuperan todo o seu esplendor.                      Na maioría das restauracions de lámpadas FASE que fixemos, os traballos centrabanse na recuperación dos cromados así coma a
reparación de boios e danos na pintura. 



Nalgunhas ocasións, foi preciso fabricar aros centradores para os difusores de vidro ou repoñer e axustar algunha bola nos mecanismos de rotación das bases xiratorias.
                                                                                                                                                                   



luns, 2 de novembro de 2026

Restauración dun candeeiro de latón dunha catedral.

 

Esta restauración que vou comentar, comezou coma unha aventura. Leváronme a explorar o sobrado dunha das catedrais que temos en Galicia, o meu anfitrión, sabía que por ali había pezas moi interesantes pero que no seu momento polo motivo que fora, foron retiradas do servizo, ben por algunha rotura ou polo deterior dos acabados. E tiña razón, había unhas cuantas pezas por ali, e agora si que estaban nunhas condicións de deterioro moi salientables. 
O Anfitrión colleu un candeeiro e preguntoume si sería posibel restaura lo. 

O certo é que a peza coma podedes ver na imaxe, semellaba máis rescatada dun naufráxio que do fallado dunha igrexa, pero cando che gosta restaurar pezas antigas é impoíbel dicir que non. O meu maior medo, era si conseguiria devolver lle ó latón a sua cor sen que se notasen as pegadas da corrosión. En moitos casos, cando a corrosión é notábel, por moito que se limpe a superfície do metal, ben con procesos químicos ou con abrasivos, non somos quen de eliminar unhas marquiñas de cor rosado, resultado da reacción do cobre da aleación do latón. Unha vez expostas as posíbeis dúvidas do resultado final, evidentemente decidimos que cando menos haberia que tentar de face lo. 

Xa no noso obradoiro, procedemos ó des montaxe e limpeza. É neste proceso cando imos descobrindo se faltan pezas ou se hai algunha rota. Nesta ocasión faltaba un porta velas e houbo que soldar algún dos brazos que estaban rotos. Unha vez replicado o portavelas para completar o candeeiro e soldadas as pezas rotas, levouse a cabo recuperación do acabado suprficial, que pasou por riba das miñas dúvidas inicias e non deu problema algún, conseguindo devolver lle lo seu aspecto orixinal ó candeeiro. Unha vez máis, unha peza desbotada volve a lucir coma se fose nova e volve a ser de utilidade. Recuperación, reparación e restauración, ou dito doutro xeito, economía circular.